En Froxán continuamos coas accións deseucaliptizadoras no Chán de Avelán, onde acabaremos de eliminar eucalipto nunha zona de bosque de ribeira adquirida pola Fundación Montescola co apoio da Deputación da Coruña para a súa rexeneración ambiental e conservación (a da fotografía que aparece neste email). Esperamos deixar a zona pronta para plantar no próximo inverno. Tamén comezaremos a acondicionar o futuro Centro de Interpretación da Conservación Comunitaria.
A xornada terá lugar o domingo 16 de xullo, e será imprescindíbel apuntarse ata o día 14. Os traballos comezarán ás 9:30. Ademais de apear árbores, aplicaremos a técnica de descasque en tocóns, e rozaremos outra parcela próxima que xa foi deseucaliptizada e plantada con frondosas neste inverno.
O punto de encontro será o estacionamento do “Quartel da Revolta” (hoxe “Restaurante”) no Chán de Avelán, aonde se pode chegar seguindo as indicacións ao Museu Mineiro San Finx. O lugar da intervención está a poucos metros. Na zona hai tamén un parque infantil e pequenas pozas no rego da Silva onde se poderá tomar baño ao ar libre.
Obradoiro de cultivo de frutos silvestres
Na parte da tarde, despois do xantar de albaroque, faremos un obradoiro de cultivo e coidado de arandos e outros froitos silvestres da man do capataz forestal José Rodríguez Cao, evidenciando as súas posibilidades para o aproveitamento multifuncional do monte. Ao finalizar, as brigadistas que queiran poderán participar nunha colleita solidaria.
Este será o último dos obradoiros de formación para brigadistas nunha parcería co Centro de Estudos Eurorexionais Galiza | Norte de Portugal (CEER), Montescola e À Escuta, apoiada polo programa Erasmus+. Os obradoiros versan sobre temáticas diversas centradas no ámbito de traballo das Brigadas (técnicas de eliminación de EEI, seguridade e protección en traballos forestais, mecánica e mantemento de maquinaria forestal, gobernanza e conservación comunitaria, educación ambiental, etc.). As brigadistas participantes recibirán un certificado do Centro de Saberes para a Sustentabilidade, recoñecido oficialmente pola Universidade das Nacións Unidas.