En Froxán continúan os traballos na nova zona de actuación na que se está eliminando eucalipto dun habitat de bosque de ribeira adquirido pola Fundación Montescola co apoio da Deputación da Coruña para a súa rexeneración ambiental e conservación. Nesta intervención iremos abatir eucaliptos para facilitar o avance das accións. Por ese motivo, na acción só poderá participar un grupo reducido de persoas (máximo 15).
Desta volta a roga será o día 6 de xullo pola tarde (comezamos às 16:00) e faremos un albaroque de merenda-cea para as asistentes. O punto de encontro será o estacionamento do “Quartel da Revolta” (hoxe “Restaurante”) no Chán de Avelán, aonde se pode chegar seguindo as indicacións ao Museu Mineiro San Finx. O lugar da intervención está a poucos metros. Na zona hai tamén un parque infantil e pequenas pozas no rego da Silva onde se poderá tomar baño ao ar libre.
Obradoiro de uso seguro de motosserra
Durante a intervención contaremos con Bruno Vilela, axente forestal e técnico en seguranza en traballos forestais que impartirá un obradoiro sobre o uso seguro de motoserra. O obradoiro terá continuidade coa serie de videotutoriais dispoñibles online como parte do proxecto Vemo-nos no monte!
Este obradoiro forma parte do programa de formación para brigadistas nunha parcería co Centro de Estudos Eurorexionais Galiza | Norte de Portugal (CEER), Montescola e À Escuta, apoiada polo programa Erasmus+. Os obradoiros versan sobre temáticas diversas centradas no ámbito de traballo das Brigadas (técnicas de eliminación de EEI, seguridade e protección en traballos forestais, mecánica e mantemento de maquinaria forestal, gobernanza e conservación comunitaria, educación ambiental, etc.). As brigadistas participantes recibirán un certificado do Centro de Saberes para a Sustentabilidade, recoñecido oficialmente pola Universidade das Nacións Unidas.