En Froxán damos a benvida ao verán cunha roga deseucaliptizadora no Chán de Avelán, onde eliminaremos eucalipto dunha zona de bosque de ribeira adquirida pola Fundación Montescola co apoio da Deputación da Coruña para a súa rexeneración ambiental e conservación.
A Xornada terá lugar o domingo 18 de xuño, e será imprescindíbel apuntarse ata o día 15. Os traballos comezarán ás 9:30. Ademais de apear árbores, aplicaremos a técnica de descasque en tocóns e nos que queden en pé.
O punto de encontro será o estacionamento do “Quartel da Revolta” (hoje “Restaurante”) no Chán de Avelán, aonde se pode chegar seguindo as indicacións ao Museu Mineiro San Finx. O lugar da intervención está a poucos metros. Na zona hai tamén un parque infantil e pequenas pozas no rego da Silva onde se poderá tomar baño ao ar libre.
Seminário de antropologia ecológica
Na parte da tarde, despois do xantar de albaroque, organizaremos un seminario de antropoloxía ecolóxica aplicada aos problemas forestais da man de José E. Martínez-Reyes, profesor asociado de antropoloxía na Universidade de Massachusetts en Boston e investigador sobre os conflitos relacionados coa xestión dos recursos naturais. Martínez-Reyes apresentará as súas reflexións sobre a problemática da xestión forestal en América Latina e os seus paralelismos coa situación na Galiza.
Este seminario forma parte dos obradoiros de formación para brigadistas nunha parcería co Centro de Estudos Eurorexionais Galiza | Norte de Portugal (CEER), Montescola e À Escuta, apoiada polo programa Erasmus+. Os obradoiros versan sobre temáticas diversas centradas no ámbito de traballo das Brigadas (técnicas de eliminación de EEI, seguridade e protección en traballos forestais, mecánica e mantemento de maquinaria forestal, gobernanza e conservación comunitaria, educación ambiental, etc.). As brigadistas participantes recibirán un certificado do Centro de Saberes para a Sustentabilidade, recoñecido oficialmente pola Universidade das Nacións Unidas.