En maio de 2021 as Brigadas deseucaliptizadoras iniciaron o traballo de deseucaliptización no Monte da Aguieira (Vilacova) onde se machacaron os rebrotes dos eucaliptos nunha das parcelas de varias hectáreas do monte veciñal. O próximo 5 de marzo voltamos á carga da man da Comunidade do Monte Veciñal en Man Común de Vilacova, en Lousame.
Nesta xornada, continuaremos eliminando os rebrotes para rematar de secar os eucaliptos na zona que quedou sen intervir. Ao rematar o traballo seguiremos cun xantar comunitario. Quedaremos no Campo de Fútbol de Vilacova ás 09:20 da mañá, para comezar o traballo ás 09:40. Desde alí agruparémonos nos vehículos para subir ata as proximidades da zona de intervención. É importante estardes puntualmente ás 9:30, pois do contrario será difícil orientarvos para chegar ao punto de traballos.
Para participar é imprescindíbel, alén de estardes inscritas como Brigadistas e enviar un email a brigadasvilacoba@gmail.com ata o sábado 25 de febreiro.
Obradoiro de turismo ecológico responsável
Na parte da tarde, despois do xantar de albaroque, organizaremos un obradoiro e visita guiada polo curso medio do río Vilacova da man de Alex Blanco Roo, que explicará os potenciais do turismo ecolóxico respectuoso e responsável com o ambiente.
Este obradoiro forma parte do programa de formación para brigadistas nunha parcería co Centro de Estudos Eurorexionais Galiza | Norte de Portugal (CEER), Montescola e À Escuta, apoiada polo programa Erasmus+. Os obradoiros versan sobre temáticas diversas centradas no ámbito de traballo das Brigadas (técnicas de eliminación de EEI, seguridade e protección en traballos forestais, mecánica e mantemento de maquinaria forestal, gobernanza e conservación comunitaria, educación ambiental, etc.). As brigadistas participantes recibirán un certificado do Centro de Saberes para a Sustentabilidade, recoñecido oficialmente pola Universidade das Nacións Unidas.