Superados os rigores do inverno e enfiados os traballos na viña, a Asociación Veciñal de Lentille volve convocar as Brigadas para outra xornada de desacaciación e convívio na nosa aldea. Será no sábado 1 de abril, mas non é asneira. De veras, contamos convosco! Desta volta seguiremos avanzando na liberación de camiños veciñais do cerco da mimosa, descascaremos algúns peteiros illados en áreas onde xa vimos traballando hai anos, e axiremos sobre os tocóns dunha presa de eucaliptos que tiñamos e que foran finalmente talados e retirados. Logo os traballos serán variados.
A hora de comezo das atividades será ás 9:00 no punto de encontro habitual no Souto. Coma sempre disporemos auga fresca, froita variada, café e algún petisco para un almorzo no monte a media mañá, e pararemos por volta das 14:00 para procedermos co albaroque e a sobremesa. Para vos apuntardes é preciso, alén de serdes Brigadistas, enviar un correo electrónico a avlentille@gmail.com até o 17 de maio a máis tardar. As prazas son limitadas: non demoredes en vos animar.
Tamén queremos lembrar que a leña de acacia procedente da atividade das Brigadas en Lentille estará sempre ao dispor de iniciativas e proxectos sen ánimo de lucro que a precisen para o desenvolvimento da súa actividade en prol do ben común. A Asociación Veciñal de Lentille fica atenta a propostas e solicitudes en avlentille@gmail.com.
Obradoiro de controlo de vespa velutina
Desta volta organizaremos un obradoiro sobre experiências de controlo de vespa velutina da man dos anfitrións da Asociación Veciñal de Lentille, con anos de experiencia no combate desta especie exótica invasora. Discutiranse métodos e estratexias así como as posibilidades de intervención desde o voluntariado ambiental.
Este seminario forma parte dos obradoiros de formación para brigadistas nunha parcería co Centro de Estudos Eurorexionais Galiza | Norte de Portugal (CEER), Montescola e À Escuta, apoiada polo programa Erasmus+. Os obradoiros versan sobre temáticas diversas centradas no ámbito de traballo das Brigadas (técnicas de eliminación de EEI, seguridade e protección en traballos forestais, mecánica e mantemento de maquinaria forestal, gobernanza e conservación comunitaria, educación ambiental, etc.). As brigadistas participantes recibirán un certificado do Centro de Saberes para a Sustentabilidade, recoñecido oficialmente pola Universidade das Nacións Unidas.