As Brigadas comezan 2023 eliminando eucalipto e plantando árbores nativas en Froxán, nunha roga programada para o domingo 22 de xaneiro para a Área Conservada do Portelo da Devesa, en Froxán, na que as Brigadas veñen intervindo desde 2019.
En concreto, plantaremos cerdeiras, nogueiras e avelaneiras en tres parcelas adquiridas pola Fundación Montescola coa apoio da Deputación da Coruña, para as que o proxecto Life Terra nos ven de axudar na adquisición de planta.
Para participar é imprescindíbel, alén de estardes inscritas como Brigadistas, enviar un correo electrónico a info@montescola.org ata como moi tarde o sábado día 18 de xaneiro.
Seminário de silvicultura próxima à natureza
Na parte da tarde, despois do xantar de albaroque, organizaremos un seminario sobre prácticas de silvicultura próxima á natureza da man do enxeñeiro forestal Marcos Estévez, que explicará e facilitará un debate sobre estratexias alternativas para a xestión das masas forestais na Galiza.
Este seminario forma parte do programa de formación para brigadistas nunha parcería co Centro de Estudos Eurorexionais Galiza | Norte de Portugal (CEER), Montescola e À Escuta, apoiada polo programa Erasmus+. Os obradoiros versan sobre temáticas diversas centradas no ámbito de traballo das Brigadas (técnicas de eliminación de EEI, seguridade e protección en traballos forestais, mecánica e mantemento de maquinaria forestal, gobernanza e conservación comunitaria, educación ambiental, etc.). As brigadistas participantes recibirán un certificado do Centro de Saberes para a Sustentabilidade, recoñecido oficialmente pola Universidade das Nacións Unidas.