O 10 de xullo as Brigadas acudirán á Comunidade do Monte Veciñal en Man Común d’Afiosa, en Lousame, para colaborar na conservación dos Vestixios da Capela de San Fins, incluídos nas fichas normativizadas de xacementos arqueolóxicos e de interese arquitectónico da Xunta de Galicia en 2016.
Trátase das ruínas dunha capela, presumíbelmente altomedieval, que se mantivo en pé até finais do século XVIII, momento no que o seu culto, asociado a unha fonte milagreira, se trasladou a Vilacova, onde aínda se conserva a imaxe do santo.
Os vestixios encóntranse ameazados polas actuacións proxectadas na explotación mineira de San Finx, cuxas balsas de decantación se encontran a apenas 100 metros do xacemento. Coa intervención manual preténdese visibilizar o xacemento para a súa efectiva protección.