O domingo 12 de xuño faremos a última das rogas para eliminar os eucaliptos da Área Conservada do Portelo da Devesa, que custodia Montescola en Froxán (Lousame) logo da súa adquisición co apoio da Deputación da Coruña. Con esta intervención acabaremos de eliminar eucaliptos da zona de 6.000 metros cuadrados nas que as Brigadas veñen intervindo desde 2020.
A roga comezará ás 09:30 da mañá e teremos como punto de encontro o Chán de Avelán (tamén coñecido como “As Minas de San Fins”). O traballo consistirá no apeo dos últimos eucaliptos en pé e a eliminación dos rebrotes existentes.
Para participar é imprescindíbel, alén de estardes inscritas como Brigadistas, enviar un correo electrónico a info@montescola.org ata COMO MOI TARDE o xoves día 9 de xuño.
Obradoiro de teatro na natureza
Na parte da tarde, despois do xantar de albaroque que faremos no propio monte, organizaremos un obradoiro sobre teatro na natureza seguido da realización por parte da equipa de Montescola do espectáculo de monicreques “A mina contamina”. Son especialmente benvidas crianzas e familias de todas as idades.
Este obradoiro forma parte do programa de formación para brigadistas nunha parcería co Centro de Estudos Eurorexionais Galiza | Norte de Portugal (CEER), Montescola e À Escuta, apoiada polo programa Erasmus+. Os obradoiros versan sobre temáticas diversas centradas no ámbito de traballo das Brigadas (técnicas de eliminación de EEI, seguridade e protección en traballos forestais, mecánica e mantemento de maquinaria forestal, gobernanza e conservación comunitaria, educación ambiental, etc.). As brigadistas participantes recibirán un certificado do Centro de Saberes para a Sustentabilidade, recoñecido oficialmente pola Universidade das Nacións Unidas.