En Mondariz-Balneario queremos seguir botándonos ao monte. Na roga do sábado 4 de xuño actuaremos sobre unha parcela de titularidade pública moi afectada polas vagas de incendios. No 2018 xa fixéramos unha primeira plantación por sementeira con crianzas e familias da vila.
Cos anos, toxo, xestas, mimosas, eucaliptos e silveiras invadiron de novo o terreo. Desta volta o obxectivo é rematar a roga anterior: seguir controlando a acácia, cortando e desbrozando, ademáis de sementar cebada para nutrir a terra.
En novembro deste mesmo ano, coa parcela preparada, convocaremos unha nova xornada, desta vez para plantar castiñeiros e carballos. Nos próximos meses faremos unha campaña de amadriñamento de arboriñas nativas para dita plantación.
Para participar é imprescindíbel, alén de estardes inscritas como Brigadistas, enviar un correo electrónico a ester.outr@gmail.com ata como moi tarde o día 2 de xuño. Lembrade que as prazas son limitadas. O punto de encontro é o estacionamento do cemiterio ás 10:00 h.
Lembramos ás brigadistas que traian roupa e calzado axeitados para o exceso de toxo; luvas, copo, prato e cubertos propios. O albaroque tamén inclúe opción vegana e daremos máis datos unha vez inscrita.
Obradoiro de descasque de acácia
A xornada comezará cun obradoiro práctico de técnicas de descasque de acacia da man de Xesús María Neira. O obradoiro forma parte do programa de formación para brigadistas nunha parcería co Centro de Estudos Eurorexionais Galiza | Norte de Portugal (CEER), Montescola e À Escuta, apoiada polo programa Erasmus+. Os obradoiros versan sobre temáticas diversas centradas no ámbito de traballo das Brigadas (técnicas de eliminación de EEI, seguridade e protección en traballos forestais, mecánica e mantemento de maquinaria forestal, gobernanza e conservación comunitaria, educación ambiental, etc.). As brigadistas participantes recibirán un certificado do Centro de Saberes para a Sustentabilidade, recoñecido oficialmente pola Universidade das Nacións Unidas.